Concretamente, ata o próximo 28 de febreiro, aínda se poden presentar candidaturas á décimo terceira edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia. Dotados con 80.000 euros -a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores das oito categorías establecidas-, estes premios buscan recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.
As candidaturas poderán enmarcarse en oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria.