Foi hai dous anos, apenas dez días despois de aprobar o permiso de condución, cando José Lamela debutaba nun rallye. E facíao precisamente en Noia, proba na cal non puido estar en 2018 ao coincidir co Sierra Morena, puntuable para a Copa Suzuki Swift na que se atopaba participando. Mentres agarda ao comezo desta, que será case con toda seguridade no mes de xuño no Rallye de Ourense, continuará coa súa presenza no Campionato de Galicia inscrito no Volante FGA-Bolsa PXP 20, polo que estará de novo en Noia co Suzuki Swift Sport, segunda proba do certame que se celebra na comarca coruñesa do Barbanza.
Acompañaralle como copiloto Mario G. Tomé, con quen xa estivo na Coruña e onde houbo bastantes problemas na posta a punto do coche, que agora parecen solucionarse. Máis aló de loitar polas primeiras prazas da súa categoría, o obxectivo primordial é facer quilómetros antes do comezo da Copa Suzuki Swift, cuxos coches serán entregados a finais deste mes na Coruña. O Rallye de Noia comezará mañá venres cun tramo urbano para continuar o sábado con catro tramos a dobre pasada completando case 91 km cronometrados.