Comezou a desenvolverse a segunda quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello da Laracha. A praia de Caión será o escenario da maioría das actividades que se están a levar cabo cos corenta e cinco participantes, todos eles de idades comprendidas entre os doce e os quince anos.
Este martes recibiron en Caión a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Ensino, Cultura, Deportes e Mocidade, Patricia Bello, que lles deron a benvida.
Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10:00 horas e regresa 18:00. A parada para o xantar nas instalacións das antigas escolas da Insua de Caión é ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizan moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas.
Neste campamento o Concello da Laracha asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se realizan no termo municipal da Laracha.
Todos os anos o Concello da Laracha aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano.
Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.