Segundo o PSdeG o PP négase a pedirlle a Xunta que limite a velocidade entre A Telleira e o Cancelo, na Laracha

2 minutes read

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou este xoves o veto do PP a unha proposta do Grupo Socialista para limitar a velocidade de circulación na estrada AC-552, entre A Telleira e Cancelo do Medio –Laracha-. Álvarez presentou unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que exerza as súas competencias para mellorar a velocidade na estrada autonómica, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista lamentou a “falla de vontade política” para tomar unha medida “nin moi ambiciosa nin moi custosa” que suporía en realidade limitar a velocidade nun tramo de menos dun quilómetro que a pesares de non atoparse en zona urbana si que está densamente poboado, con vivendas aos dous lados da estrada e uns veciños que piden mellorar a súa seguridade.

Álvarez explicou que o remate da limitación de 70 qm/h ao final da Avenida de Finisterre fai que entre A Telleira e Cancelo do Medio os vehículos poidan circular ata a 90 qm/h, elevando a perigosidade para os peóns nun dos tramos sensibles da AC-552, que pasa por ser a vía con maior sinistralidade de toda a rede autonómica.

Advertiu que ao tratarse dunha estrada autonómica é á Xunta a quen lle compete limitar a velocidade nun tramo de menos dun quilómetro con alta densidade de tráfico, sinaladamente de vehículos pesados, e que é un percorrido que a 50 por hora sería percorrido en apenas 72 segundos. Os socialistas reclamaban tanto a limitación da velocidade máxima permitida como a instalación de elementos disuasorios para reducir a velocidade de forma efectiva.

Luis Álvarez amosou a súa sorpresa tanto pola negativa de este xoves no Parlamento como polo argumento do propio PP local, que nun recente Pleno do Concello negábase a atender á petición dos veciños e veciñas que lle trasladou a portavoz socialista na Corporación, Palomi Rodríguez, argumentando que sería debatido no Parlamento de Galicia.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?