Novo golpe policial ao narcotráfico en Pontevedra, desta volta como parte dunha importante operación no ámbito nacional que continúa aberta.
Nunha vella nave de almacenaxe de barcos no barrio de Coirados en Marín estaban agochados os preto de 500 quilos de cocaína incautados neste operativo desenvolto polo GRECO e a Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional de Madrid. Segundo o delegado do Goberno en Galicia, detiveron polo menos cinco persoas que están en dependencias policiais de Vigo e Pontevedra.
Neste lugar de Marín os veciños quedaron abraiados co espectacular operativo despregado con vehículos camuflados, case medio cento de axentes e mesmo un helicóptero.
Tamén houbo controis policiais no centro de Pontevedra e na arteria principal de Marín, fronte aos estaleiros. A operación continúa aberta e abrangue outras provincias españolas segundo a delegación do Goberno. A investigación está baixo segredo de sumario.