- Esta infraestrutura situarase detrás do IES Agra de Leborís e contará cun investimento municipal de 155.000 euros
A Mesa de Contratación do Concello da Laracha procederá, nos próximos días, á apertura de plicas, a valorar e a clasificar as seis ofertas presentadas polas empresas licitadoras para a adxudicación do proxecto de construción do parque de patinaxe Skatepark, que estará situado na parte posterior do IES Agra de Leborís, na Laracha. O Concello investirá 155.000 euros de fondos propios neste proxecto que ten por finalidade «ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil», sinalan desde a Alcaldía.
O Skatepark crearase nunha parcela de titularidade municipal que presenta unha superficie de 900 metros cadrados. Disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, contando ademais cun pavimento de formigón e barandillas de aceiro. Tamén terá unha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED. Isto fará necesario realizar as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.