Seis parroquias da Laracha están sen auga para consumo humano

Imagen de un grifo_PIXABAY

  • Trátase dunha incidencia temporal comunicada este martes polo Concello. A empresa Viaqua agarda arranxar a situación nas vindeiras horas

A instancias da empresa concesionaria do servizo municipal do ciclo de auga, Viaqua, o Concello da Laracha declarou a da zona de abastecemento de Paiosaco como «non apta para o consumo humano e alimentario», aínda que poderase empregar para «calquera outra actividade».

Esta decisión tomouse con carácter temporal e como medida preventiva trala análise realizada este martes, que deu como resultado «unha incidencia na calidade da auga procedente do manancial de Soandres».

Viaqua comunicou a súa previsión de resolver esta situación durante as próximas horas, para o que está sendo renovada a auga do depósito do Vilar empregando como fonte de abastecemento o bombeo do río Anllóns.

Hai seis parroquias afectadas. Na de Lestón quedan sen auga potable os lugares de Paiosaco, Lestón, A Porta Santa, As Rañeiras, Fofelle, Centulle, A Cachada, A Agrela, O Igrexario, O Cruceiro, A Ganduma e A Torre. Na de Golmar estanse vendo afectados A Calvela, Lamas, O Ramallal, A Beria, A Pedra, A Tabeira, San Cristovo, Requesende e Folgueiros. Na parroquia de Coiro hai problemas en As Meneiroas, Os Muíños de Abaixo, Coirón, A Ferrulleira, A Fraga, O Maseo, O Loureiro, Penso, A Pedra e O Cruceiro. Tamén quedaron afectadas as aldeas de O Toural, Campo da Ran, Cercido e O Vilar, na parroquia de Erbecedo; A Portela, en Torás; e Marfulo e A Piña, na parroquia de Vilaño.

O PSOE reclama información urxente

O grupo municipal do PSOE na Laracha, a través da súa portavoz María Palomi Castiñeira, rexistrou este martes unha pregunta escrita para que o Goberno local explique os motivos da «declaración temporal como non apta para consumo humano e alimentario a auga que procede da zona de abastacemento da zona de Paiosaco». Os socialistas tamén esixen unha copia da análise realizada que deu o resultado negativo.