A Garda Civil desmantelou catro puntos de venda de substancias estupefacientes en Arteixo e detivo a seis persoas, tres homes e tres mulleres, como supostas autoras dun delito contra a saúde pública.
Segundo informaba este venres a Garda Civil, incautáronse en total 1.402 doses de heroína, 365 doses de cocaína, 44,07 gramos de haxix, 6.680 euros e un vehículo.
A operación Artime, tutelada pola Sección de Instrución do Tribunal de Instancia, Praza número 1, da Coruña, iniciouse en maio ao ter coñecemento da posible existencia de catro puntos de venda de substancias estupefacientes en Meicende, no municipio de Arteixo, o que «xeraba gran alarma social e malestar entre os residentes da zona», di o Instituto Armado nun comunicado.
Os compoñentes da área de Investigación do Posto Principal de Arteixo lograron localizar estes supostos puntos de venda e solicitaron autorización xudicial para o rexistro dos mesmos.
Así, a Garda Civil procedeu á entrada e rexistro dos 4 domicilios, contando coa colaboración da Policía Local de Arteixo.