Seis tripulantes rescatados tras afundir a súa embarcación pesqueira na entrada da ría de Muros e Noia

Tal e como informaba Salvamento Marítimo os seis tripulantes do pesqueiro Reisiño foron rescatados este martes en bo estado despois de que o barco se afundira á entrada da ría de Muros e Noia.

A alerta saltou sobre as 8:30 horas e os tripulantes foron rescatados da auga polo pesqueiro Do Mar, con base en Porto do Son.

Ata o punto mobilizouse a Salvamar Regulus, que trasladou os seis mariñeiros, que estaban en bo estado, pero nerviosos por mor do suceso, ao porto de Porto do Son, onde os esperaba unha ambulancia.

Pola súa banda, o 112 Galicia alertou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou tres ambulancias, a Garda Civil, a Policía Local e o Servizo de Gardacostas de Galicia.

O Reisiño é un barco con base en Muros, de 17 metros de eslora e de 38 anos de antigüidade. Segundo informa Salvamento Marítimo, non houbo perigo de contaminación, pero a pesar diso o avión Sasemar 101 realizaba un voo de recoñecemento.

Related posts

Un bombeiro resulta ferido durante a extinción dun incendio nunha casa de Boborás

Un home perdeu a vida logo de caerlle enriba unha árbore que estaba cortando en Valdoviño

O SLG denuncia os prezos especulativos do gasóleo agrícola en Galicia e pide a intervención urxente da Xunta