Seleccionadas as catro propostas que actuarán nas primeiras Residencias Artísticas Mariñán

1 minutes read

Caamaño&Ameixeiras, Berto, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal son as catro formacións musicais seleccionadas para participar na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas á produción musical.

Foron seleccionadas por un xurado composto por Patricia Hermida, experta en management musical, avogada e presidenta de AGEM, por Marta Gómez, xornalista e divulgadora musical, e por Marc Lluis Lloret, músico e director artístico de Mercat de Música Viva de Vic. Tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente a comisaria das Residencias Artísticas Mariñán de Música, Aitana Cuétara.

Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán nacen como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas.