Semana da Administración Aberta en Galicia


Desde este, luns 20 e ata o venres 24 de marzo, a Consellería de Facenda e Administración Pública organiza diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración. A Semana da Administración Aberta constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas. O programa conta con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos e galegas interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados. Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.