COGAMI invita a notificar incidencias de accesibilidade

Cedida.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade que se celebra do 16 ao 22 de setembro. Baixo o lema Pola túa saúde, móvete de maneira sostible, COGAMI e COCEMFE celebran esta semana animando á xente a que recolla incidencias a través da ferramenta tecnolóxica `AccesibilidApp´, co fin de que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sostibles para a cidadanía.

Dende este aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil, chegaron a recollerse un total de 299 incidencias dende a súa posta en marcha hai dous anos. O transporte e a falta de accesibilidade na deambulación son as temáticas que máis se denuncian a través desta APP, seguidas das condicións do mobiliario e das prazas de aparcadoiro reservadas.

Unha vez recollidas estas incidencias, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, co fin de poder solucionalas na maior brevidade de tempo. Ata o de agora, dende a Confederación foron trasladadas, comunicadas e tratadas 118 destas incidencias. Con respecto aos lugares de procedencia, os concellos de Santiago de Compostela con 123 incidencias recollidas, Silleda con 56, A Coruña con 27, Ames con 24 e Cambados con 23, son os municipios que contemplan o maior número de incidencias aportadas polas persoas que teñen a aplicación  ‘AccesibilidApp’ instalada no seu dispositivo móbil.