Semana Gandeira 2022 en Mazaricos


O Concello de Mazaricos recupera a Semana Gandeira logo da paréntese de dous anos motivada pola pandemia. Esta nova edición chega con toda a vontade de recuperar ese tempo de demora e implicar a todo o sector e a veciñanza nun evento que reafirma a importancia de Mazaricos na gandería galega como primeiro produtor de leite do país e referente a nivel estatal pola calidade morfolóxica do gando. Novamente, a organización da Semana Gandeira corre a cargo do Concello de Mazaricos, Africor-Coruña e a Asociación Gandeiros de Mazaricos.

A poxa de gando será un ano máis o broche e punto álxido -e van catorce edicións- dunha Semana Gandeira que se achega cargada de novidades. A poxa xunta cada ano algúns dos mellores exemplares de Galicia, rexistrando prezos moi importantes e un grande volume de negocio. Este ano, calcúlase que serán unhas 25 vacas as poxadas. Dende a organización da Semana Gandeira salientan a enorme calidade dos animais á venda, o que anticipa, sumado aos dous anos de paréntese, cifras históricas para a poxa.

Na próxima fin de semana haberá actividades tan diferentes como actuacións en directo, concurso de postres lácteos e de fotografía, actividades para nenos e a tradicional poxa de gando frisón.

Programación da Semana Gandeira de Mazaricos