Sementadas 35.000 crías de ourizo no porto de Suevos


Mariscadores da confraría da Coruña sementan crías de ourizo de aproximadamente centímetro e medio nunha zona de Suevos que os científicos consideraron axeitada. Non os tiran, póusanos no fondo para lles evitar estrés e garantir que quedan ben.

O cultivo dos ouriciños realizouno en Sada unha empresa do grupo Portomuíños. Foron anos de investigación ata completar o proceso, pero conseguiron ser os primeiros en acadar este volume.

Desde que eran larvas ata acadar o tamaño mínimo para levalos ao mar pasaron entre seis meses e un ano. Os ourizos tardan en medrar. Esta especie multiplicou o prezo nos últimos anos e converteuse nun recurso de gran valor. Pero precisamente o que tarda en medrar obriga a ter moito coidado con el.

Con esta iniciativa, os profesionais da Coruña buscan mellorar a sostibilidade. O verán pasado xa fixeron unha pequena sementeira piloto con magníficos resultados.