Sempre Corcubión pide cambios na atención aos cidadáns por parte da Administración pública

Sempre Corcubión

  • Considera que a falta de medios tecnolóxicos entre as persoas de maior idade dificulta os trámites

Sempre Corcubión pide axustes na Administración pública xa que considera que a “imposición” dos trámites telemáticos, incluída a solicitude de cita previa, está deixando en “situación de marxinalidade” a aquelas persoas que non posúen os coñecementos ou medios necesarios para realizar estas tarefas. Se ben foron medidas que se tomaron coa chegada da pandemia, a realidade é que a tecnoloxía non é accesible a todos, xa que “non todo o mundo dispón de internet nin dun certificado dixital, nin sabe que apps son precisas nin como baixalas e usalas”.

Outro dos problemas que se atopa a formación local é que algunhas persoas se achegan ao Concello para solicitar axuda non obteñen resposta debido a que na maioría dos casos é preciso contar cunha conta de correo electrónico que moitos veciños, sobre todo os máis maiores, non teñen. Así, tanto as persoas con máis idade como aquelas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade vense na obriga de acudir a familiares, amigos ou xestorías xa que “ningunha administración pública lles ofrece unha solución”.

Por tanto, desde Sempre Corcubión fan un chamamento para que se adopten os mecanismos necesarios de cara a solventar estas carencias.