O Concello de Camariñas vén de presentar a súa programación para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un mes de actividades que combina cultura, sensibilización, participación social e educación en igualdade. Baixo o lema “Sempre vivas, sempre libres”, as propostas buscan implicar á veciñanza na loita contra todas as formas de violencia machista.
As actividades arrancan mañá, sábado 15 de novembro, coa III Xuntanza Voces contra as Violencias Machistas, ás 18:00 h na Casa de Pedra. Ao remate, celebrarase un acto de lembranza ás vítimas de feminicidio diante da estatua da muller palilleira.
O 21 de novembro, ás 19:00 h, a Casa de Pedra acollerá a obra de teatro “O meu camiño”, unha peza centrada na reflexión sobre a igualdade e a superación persoal.
A programación continuará o 24 de novembro, coa actividade de narración oral “Rosa e azul”, dirixida ao alumnado do CEIP O Areal, ás 10:30 h, unha proposta que aborda os estereotipos de xénero desde idades temperás.
O propio 25N celebrarase un dos actos centrais: ás 12:00 h, no IES Pedra da Aguia, terá lugar a lectura do manifesto institucional e a presentación dun mural contra a violencia de xénero, elaborado en colaboración coa comunidade educativa.
Ese mesmo día, ás 18:00 h, o Museo do Encaixe acollerá unha nova edición do Club de Bordado, unha actividade participativa que combina arte, expresión e sororidade.
A programación pecharase o 28 de novembro, ás 10:30 h no CEIP Ponte do Porto, coa sesión de contacontos “Pippi Mediaslongas, a nena máis forte do mundo”, unha actividade pensada para reforzar a autoestima e a igualdade entre a infancia.
Toda a programación está financiada ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.