Sen acordo entre as deputacións e a Xunta no plan de rescate á hostaleria

2 minutes read
  • A Xunta lamenta que os concellos e as deputacións non se unan ao Plan e lembra que patronal, sindicatos, autónomos, representantes doutros sectores afectados e boa parte dos concellos pediron que sexa a Xunta a que xestione as axudas.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron un novo encontro en Santiago de Compostela co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con representantes das deputacións provinciais, na que trasladaron que o Goberno galego seguirá adiante coa súa folla de ruta para activar a segunda convocatoria do Plan en febreiro.

Os tres entes provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra afirman que perdemos un plan de 140 millóns para hostalaría e turismo e saímos con unha liña de axudas de 75 millóns para todos os sectores, que nin é plan nin é para a hostalaría.

Esta é a valoración que as deputacións fan do resultado da reunión celebrada na tarde deste venres, para intentar chegar a un consenso sobre un fondo común de axudas para o sector da hostalaría e o turismo, no que participarían Xunta, deputacións e concellos, e que rematou sen acordo ante a negativa da administración autonómica a debater sequera a proposta de que as axudas fosen xestionadas desde os concellos, a administración máis próxima á cidadanía.

As tres deputacións lamentaron que a Xunta, que vén defendendo o «modelo Valencia» desde o principio, non acepte agora a fórmula valenciana de xestión, que canaliza as axudas a través dos concellos, cunha acreditada capacidade de xestión xa que foron a primeira administración en dar resposta ás graves consecuencias sociais e económicas provocadas pola pandemia da Covid-19.

O obxectivo da Xunta é axudar canto antes porque “hai moita xente que o necesita e non podemos demorar máis os apoios”. Ao respecto, Alfonso Rueda apuntou que o Goberno galego vén de elevar en 25 millóns de euros a achega inicial prevista para o segundo Plan de Rescate. “Son 75 millóns fronte aos 5 millóns de euros que aportarían as catro deputacións”. Deste xeito, por cada 100 euros, a administración autonómica poría 93,5 euros e as deputacións, 6,5 euros. “Hai deputacións que ata o de agora non deron nin unha axuda ao sector. E levamos 11 meses de pandemia”, engadiu.