O pasado 16 de xuño, o Consello de Ministros aprobaba unha partida de 3.750 millóns de euros para unha das industrias esenciais e punteiras no noso país, a automoción. Iniciando así o plan de impulso á cadea de valor da devandita industria cun paquete de medidas fiscais, loxísticas, formativas, de planificación, etc. O obxectivo é a reactivación do sector, moi tocado tras a crise do coronavirus. Desta cantidade, 250 millóns de euros irán destinadas á compra de vehículos, dos cales 230 serán para turismos e 20 para os denominados pesados. Poderán ser tanto novos como xa matriculados, aínda que neste caso deberán ser rexistrados a partir do 1 de xaneiro do ano en curso. Servirá para dar saída a ese famosos Km 0, que son auto matriculados polo propio fabricante e os concesionarios. Con esta medida preténdese sacar da circulación os vehículos máis antigos e contaminantes.
As axudas dependerán de dúas premisas. Por unha banda, do distintivo ambiental da DXT (Dirección Xeral de Tráfico): “0 emisións”, “Eco” e “ C”. Por outra banda, da etiqueta de eficiencia enerxética do IDEA (Instituto para a diversificación e o aforro de enerxía): “A” e “ B”.
O plan Renove convivirá co plan Moves II. Este último será xestionado polas comunidades autónomas e non se poderán compaxinar, ben se opta por un ou outro. En canto aos requisitos, os do plan Renove son: en primeiro lugar, facer chatarra un vehículo de polo menos 10 anos de antigüidade, coa ITV vixente á entrada en vigor do devandito plan, que deberá estar en posesión do solicitante ou dun familiar en primeiro grao polo menos un ano. A continuación, adquirir un modelo A ou B de cualificación enerxética, con emisións inferiores a 120 gr de CO2 por km ou propulsado por enerxías alternativas. Para finalizar cun prezo non superior a 35.000 euros, excepto no caso de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, caso no que serían 45.000 euros.
No referente aos do plan Moves II: non é obrigatorio facer chatarra ningún vehículo, ao contrario que en Renove. Ademais, os vehículos con etiqueta 0 emisións non poderán exceder os 45.000 euros de prezo final. Neste plan inclúense camións, motos, cuadriciclos, furgonetas, autocares e autobuses, aínda que deberán ser híbridos, susceptibles de ser enchufados, ou propulsados a gas. As axudas serán aplicadas de forma retroactiva desde o 16 de xuño, podendo ser solicitadas xa. O encargado de aplicar os descontos será o propio concesionario, sumando ambas as contías: a axuda do estado e a do fabricante. A continuación, será o Estado quen reembolsará ao fabricante o seu parte correspondente. As cantidades estipuladas son as seguintes. Para modelos etiqueta 0 emisións: 4.000 euros. No caso de etiqueta ECO: 1.000 euros, de ter cualificación enerxética A e 600 euros se é B. E para os modelos etiqueta C: 800 euros con cualificación A e 400 con B.
Ademais, contarán cun bonus de 500 euros aquelas familias con ingresos inferiores a 1.500 euros ao mes. Do mesmo xeito que as persoas con mobilidade reducida e quen faga chatarra un vehículo en posesión desde hai máis de 20 anos. Os fabricantes engadirán un desconto extra sempre, o cal será da mesma cantidade que a axuda, excepto no caso de vehículos con etiqueta 0, para os que a cantidade de 1.000 euros é fixa. Por tanto, a cantidade para descontar móvese nunha pinza entre 800 e 5.500 euros. Trátase dunha axuda importante para o sector no referente á adquisición de vehículos. Con todo, estes deben ser practicamente novos (ou matriculados neste ano). Desta maneira, xorden voces críticas como a de Ancova (Asociación nacional de comerciantes de vehículos).
Dita organización considera que estas axudas deberían darse tamén na compra de vehículos de segunda man. Este “descoido” castiga á poboación máis vulnerable, a que conta con menor poder adquisitivo e que pode necesitar un vehículo máis novo con urxencia, para poder desenvolver a súa vida con normalidade tanto no laboral como no social e humano. É unha “condena” para manter vehículos que non están en óptimas condicións, unha obrigación autoimpuesta por imperativos económicos, que precisa de maior sensibilidade desde o goberno. Máxime, tras o azoute económico descomunal e as súas próximas e inminentes devastadoras consecuencias, por mor da recente crise do Coronavirus.
No parque móbil nacional hai gran cantidade de vehículos gasolina ou diésel que non se cambian, sinxelamente, porque non se pode. Os constantes vaivéns do goberno, en relación co uso de determinados vehículos provoca non só desconcerto, senón tamén grandes doses de desasosego, #ante a incapacidade monetaria de poder afrontar a adquisición dun novo ou semi-novo, por mor do prohibitivo dos prezos para o cidadán medio. Urxe solución inmediata para evitar que máis cidadáns queden atrás.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO