Senande, Leis e Ozón, novas obras anunciadas para a mellora do rural en Muxía

1 minutes read

O Goberno local de Muxía anuncia tres novas actuacións, en Senande, Leis e Ozón, que mellorarán a rede viaria do municipio e que están enmarcadas dentro do plan de mellora do rural pola concellería de Obras.

As tres actuacións, que teñen un investimento de 179.058,53 euros, súmanse as anunciadas recentemente de Guisamonde, Vilachán, Morquintián e Xurarantes e veñen “confirmar a aposta deste equipo de goberno por mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais do concello”, indican desde o executivo.


Tres importantes actuacións

En Senande destinaranse 60.306,91 euros para unha nova construción de firme en aglomerado, unindo varias unidades de vivendas.

En Leis, a través dun investimento de 94.865,21 euros, realizaranse unhas vías alternativas no núcleo, que serán construídas en formigón. Tamén levantarase a formación de cuneta en V no mesmo material para a evacuación das grandes cantidades de auga que discorren por eses tramos.

Por último, en Ozón, levarase a cabo a construción do firme nun camiño que da acceso a unha fonte e que une Camiño de Santiago coa estrada xeral.


“Demostramos con feitos e realidades que o plan de mellora do noso rural é unha prioridade. Así, continuamos propoñendo proxectos e obras que melloran a nosa rede viaria e, por tanto, o noso rural”, destacou o concelleiro de Obras, Javier Romar.

Tras o anuncio, o alcalde, Iago Toba, tamén indicou que “escoitamos as demandas da veciñanza e, gracias a iso, xorden estes proxectos e estas inversións que mellorarán en gran medida a calidade de vida dos muxiáns e muxianas”.