Senda Nova achéganos ao Coristanco histórico polo Val de Couso

2 minutes read
  • Tratouse da segunda das andainas desta XI Primavera en Ruta, neste caso polo Verxel de Bergantiños.

Coristanco Histórico enche de contidos aos camiñantes. Como cada ano, este itinerario polo sur do concello bergantiñá, salpica de paradas para a aprendizaxe cada curva da corredoira.

Por vez primeira non foi posible a visita á obra da polifacética Asunción Antelo. A finada artista de Segufe deixounos un interesante legado que segue a soar na lembranza de tantas e tantas persoas de sensibilidade e , aínda dende a ausencia desa visualización encantadora que cada ano nos ofrecía o museo, puidemos achegarnos á súa memoria dende o mural de preto da igrexa e dende as verbas do escritor local Xosé Antonio Andrade.

Ao autor de Seavia é nome de parroquia sumouse Martín Rabuñal para as explicacións patrimoniais das parroquias de Seavia Ferreira e Couso. O minucioso traballo do letrado de Brenlla sobre a Torre de Nogueira serviu para meter de cheo a@s participantes nas historias sobre os habitantes do inmoble. Unha viaxe ao pasado a carón da mesma Torre.

Evaristo, omnipresente en todas cantas andainas se realizan tamén exerceu de profesor para o coñecemento cando o camiño ofrecía un intre de pausa para a reflexión.

A Ponte Trilla e o alto do cotón de Ferreira comunícanse pola profundidade do val de Couso. O camiño, perdido entre especies autóctonas vai sorteando regatos. As novas agresións a través de plantacións de eucaliptos diminúen a calidade visual e a ecoloxía, mais o camiño da fondeira do val de Couso mantén unha beleza extraordinaria. Enmarcado nun ancho considerable de vexetación de bidueiros, carballos, freixos, abeleiras, ameneiros, salgueiros e castiñeiros, o lugar é unha auténtica aula de aprendizaxe sobre a flora local a través dunha camiñada de varios miles de metros que separan Os Portos de Currás.

O cotón de Ferreira, como un dos miradoiros principais do percorrido, mantén a historia de lugar importante que albergou igrexa e cemiterio fai pouco máis de cen anos e cautiva coa historia da probabilidade de asentamentos moito máis antigos. A historia e lendas multiplícase no espazo a través da historia dos mariñeiros de Malpica que, en perigo de afundimento, viron o Cotón e a capela dende o océano no momento xusto para rezar e suplicar pola vida. A sorte foi para eles, quedando agradecidos e agasallando á virxe da parroquia.

A Casa de Núñez foi a seguinte parada. Despois a igrexa de Couso e, na recta final, tres paradas importantes no castro do Vilar, nas historias do volframio das minas de Barilongo, e na información megalítica a través da mámoa Zapateira.

A viaxe pola historia do sur do concello de Coristanco rematou en Cuns. A lembranza do vivido prosegue para dar coa tecla de poder traballar en preservar tanto patrimonio.

Agradecid@s quedamos con tod@s @s participantes e concellos colaboradores. Tamén co Seminario de Estudos Comarcais de Soneira e o Centro Social Gomez Gaioso de A Coruña pola participación e interese na actividade.

By.- Senda Nova