- Poñerán en marcha as novas edicións de «Primavera en ruta» ou a «Escola ambiental», onde estarán máis presentes que nunca o patrimonio e o comercio local
A Asociación Ambiental Senda Nova insta a un cambio de conduta entre entidades e administracións para facer fronte a unha nova realidade, onde as actividades relacionadas co medio ambiente e co turismo respondan a unha nova filosofía.
«O turismo aborda unha nova situación económica e pensa agora nun mellor rendemento xirando cara a interpretación do patrimonio e o enfoque cara un público local», sinalan desde Senda Nova, cuxos membros se ofreceron a colaborar, grazas á súa ampla experiencia, na posta en valor do rural a través da interpretación.
Desde a asociación reafírmanse na súa idea de que o rural ten futuro, pero tamén que o futuro está no rural. «Coidamos que temos e debemos seguir afondando e crecendo na programación que encaixe o tear sobre a base do medio natural», sinalan. Para iso, din que é necesario crear vínculos con entidades do rural e concellos; dinamizar nos institutos uns roteiros en puntos de interese patrimonial das comarcas ou formar aos máis novos nos valores ambientais e no coñecemento do entorno máis achegado.
Novas edicións, vellos programas
Desde Senda Nova destacan que moi pronto poñerán en marcha as novas edicións de «Primavera en ruta», a «Escola ambiental» e un novo número da revista «Abrindo camiño», onde estarán máis presentes que nunca o patrimonio e o comercio local.