Senda Nova celebra o ‘Día Internacional dos Humedais’ polo esteiro do Anllóns

1 minutes read
  • A actividade realizarase este sábado, e contará coa presenza do ornitólogo Xosé Luís Rabuñal

Con motivo do Día Internacional dos Humedais que se celebrou este 2 de febreiro, a asociación ambiental Senda Nova desenvolverá unha actividade para mostrar á veciñanza os humidais da comarca de Bergantiños como o esteiro do Anllóns, Baldaio, Traba de Laxe e Alcaián; espazos que son destino habitual das actividades que organiza a entidade.

Este ano Senda Nova achegarase ata o estuario do Anllóns. A acción desenvolverase na marxe de Cabana de Bergantiños durante a mañá e parte da tarde deste sábado, 5 de febreiro. Desde a organización sinalan que «través dun paseo ameno e os equipos ópticos da asociación, poderemos divisar as especies de aves máis importantes», axudándose tamén do reputado ornitólogo Xosé Luís Rabuñal, que xa colaborou máis veces neste tipo de actividades.

Nesta expedición só poderán participar os socios de Senda Nova e os integrantes da Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo.