Senda Nova inicia a “XII Primavera en ruta” polo río Anllóns

Senda Nova

  • O vindeiro domingo, 25 de abril, os participantes percorrerán os camiños de Aldemunde

A asociación ambiental Senda Nova iniciou esta fin de semana a XII Primavera en ruta, unha programación coa que descubrir o valor patrimonial e cultural da comarca de Bergantiños a través de actividades ao aire libre. A estrea produciuse cun percorrido clásico polo río Anllóns, unha andaina típica sobre o coñecemento fluvial deste gran río da Costa da Morte.

Os participantes, divididos en varios grupos debido ás restricións sanitarias, puideron descifrar unha ampla diversidade de especies vexetais; contemplar os muíños de Verdes que, segundo a entidade, poderían converterse en magníficos centros de interpretación; e descubrir a riqueza etnográfica da zona. Sísamo e Corcoesto foron principio e fin deste percorrido polo corazón de Bergantiños, lugares que “ensinaron patrimonio megalítico, castrexo e relixioso”, sinalan desde a asociación.

A segunda ruta será a dos camiños de Aldemunde o vindeiro domingo, 25 de abril. Descarga AQUÍ a programación.

Será obrigatorio o uso da máscara. As inscricións poden realizarse ata dous días antes de cada ruta na base de Protección Civil de Carballo (de luns a venres de 9:30 a 13:30 horas) ou no Espazo da Natureza de Oza (mércores, xoves e venres, de 17:00 a 20:00 horas).