Desta volta coas férvedas carballesas como protagonistas nunha valgada Malpica – Tui, que ten en Rus e Entrecruces un nexo importante. Os saltos de auga mostráronse coas mellores galas para facer as delicias dos obxectivos das cámaras, e os camiñantes ávidos de encher os carretes dixitais, tiveron a sorte das chuvieiras anteriores e presumiron de instantáneas cos saltos de auga no máximo esplendor. O de Entrecruces máis grande, o de Rus, con esa máxia especial que se envolve a carón dos castiñeiros, carballos e outras árbores autóctonas en pleno outono, tamén nos camiños que unen Rus e Entrecruces.

Outras paradas importantes foron a carón do patrimonio relixioso. Manuel e Evaristo, descodificaron os encantos da igrexa de Entrecruces e a capela de S. Paio da Devesa.
Pero sen dúbida, a xoia da ruta é Sta María de Rus. O templo maioritariamente barroco mestura estilos arquitectónicos, poñendo de manifesto a longa cronoloxía da súa edificación. Espectacular verse de novo contemplando eses grandiosos volumes a grandes alturas e tamén as retortas recreativas de diferentes elementos barrocos.
O paseo fixo balance ás parroquias de Rus e Entrecruces pero tamén a todo un 10º OUTONO EN MARCHA. Outra edición de rutas de outono que deixamos atrás superando as previsións de participación. Outra xeira de quilómetros de andainas que pon de manifesto as desfeitas nas corredoiras e a paisaxe ameazada pola febre eólica que nos vén. Saca a luz os recunchos máis singulares do noso rural, o patrimonio escondido e os persoeiros que, cheos de agarimo, ofrecen as súas orgullosas explicacións.
Para todos eles e para cantos socios da entidade seguen a poñer tempo libre para cantas actividades se desenvolven na asociación van os seus agradecementos.
Por suposto para os concellos de Carballo, A Laracha e Coristanco e tamén para a Plataforma en Defensa de Monte Neme e a xente de Protección Civil de Carballo.