A asociación medioambiental Senda Nova elixiu como destino dunha das súas rutas do 9º Outono en marcha as aldeas carballesas que non se atopan en primeira liña de praia.
A través do itinerario Razo-Baldaio para protexer, que tivo que ser modificado pola alerta laranxa meteorolóxica costeira da pasada fin de semana, os participantes percorreron os camiños que separan a aldea de Pardiñas da Pedra do Sal.
A chuvia estivo presente, pero tamén o estiveron a beleza e os segredos máis agochados de varios lugares das parroquias de Lema ou Noicela. Lendas, patrimonio, castros e igrexas con séculos de vida fixeron as delicias das persoas que se decantaron por adentrarse algo máis nas profundidades de Carballo, polas súas marismas, descubrindo que non toda a beleza se atopa xusto ao carón do océano.