Senda Nova percorre as rutas romanas no seu ‘X Outono en marcha’

Senda Nova

  • O gran grupo de camiñantes desprazáronse polo humidal de Alcaián, o Monte Castelo e o castro de Arixón

Unhas corenta persoas déronse cita noutra das rutas propostas pola asociación ambiental Senda Nova a través do seu ‘X Outono en marcha’. Nesta ocasión o percorrido estivo moi relacionado coa pegada romana na comarca como «interesantes corredoiras que aínda se atopan en bo estado» ou unha parada no humidal de Alcaián, un lugar «degradado dende fai anos e coa ameaza imninente da destrución a través da febre eólica», sinalan desde a entidade. Trátase dun espazo no que se acharon ferramentas de caza e puntas de frecha datadas da idade de bronce.

A riqueza cultural esténdese tamén a través do medio ambiente ao coexistir na zona plantas insectívoras e a ‘centaurea ultreia’, única no mundo e da que só se ten constancia do seu crecemento no Monte Castelo, entre Coristanco, Santa Comba e Tordoia. Os participantes tamén camiñaron pola zona do Alcaián, contemplando o castro de Arixón ata chegar ao Monte Aberto de Seavia. Esta última parada non era habitual pero agora é un lugar de visita grazas ás actuacións de rexeración levadas a cabo polo Concello de Coristanco. Ademais, o grupo contou coa presenza do escritor Xosé Antonio Andrade, quen adentrou aos camiñantes nun fermoso percorrido por un encantador camiño antigo de muros, carballos e chan mullido. Iso si, desde Senda Nova recalcan que o lugar atópase rodeado «cada vez máis de intransixentes pistas, algunhas delas de zahorra».

A hora da comida desenvolveuse na aldea de Cerqueirás, entrando brevemente en Traba para descubrir Ponte Lubián, unha construción medieval que atravesa o caudaloso río Rosende e que se supón foi un punto estratéxico de comunicación na época romana.

A ruta rematou en Carballo coa visita ao lugar de Cernide e Brea.