Senda Nova puxo fin á XII Primavera en Ruta pola Costa da Morte

Senda Nova

  • Case 300 persoas participaron nun total de 8 andainas por diferentes zonas de Bergantiños, Soneira e Ordes

A asociación medioambiental Senda Nova rematou no Pico de Meda de Zas a súa XII Primavera en Ruta, iniciada o pasado mes de abril. Case 300 persoas decidiron realizar oito andainas para descifrar o patrimonio de Bergantiños, Soneira e Ordes.

Este pasado domingo case unha vintena de aventureiros se reuniron para realizar o último percorrido: as Terras Altas de Soneira, no concello de Zas. Acompañados polas explicacións do historiador Evaristo Domínguez Rial, estes participantes descubriron os segredos de asentamentos romanos, restos de torres medievais, dous castros e tamén dúas mámoas. Unha riqueza cultural que precisamente intentan “explotar”, no mellor sentido da palabra, desde Senda Nova. Rutas para entender a natureza e, sobre todo, para gozar do entorno e do lugar no que residimos. Tal e como sinalan desde a asociación, as parroquias de Gándara e Carreira albergan un «impoñente volume de megalitos e multitude de mámoas espalladas en plantacións de eucaliptos, moi poucas coa consideración necesaria».

Tamén visitaron o Museo do Liño de Carreira, un lugar de «parada cultural, social e de pulo asociativo» onde se pode apreciar o esforzo e traballo que realizan desde a asociación de veciños O Santiaguiño de Carreira.

Senda Nova agradece a participación de todos os que se animaron a compartir as fins de semana con eles, así como aos Concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica de Bergantiños e Zas «por seguir entendendo a mensaxe e contribuír cun apoio fundamental». Por suposto, tamén teñen palabras de agradecemento para Protección Civil de Carballo pola súa «sempre desinteresada aportación co proxecto» e para os propios voluntarios da asociación, que neste ano tan duro tiveron que facer verdadeiros esforzos para sacar adiante a iniciativa.