Os Camiños de Caión despediron 14 anos do programa máis antigo da asociación Senda Nova. Ese que se constrúe en base á unión de esforzos de concellos, Protección Civil de Carballo e voluntarios e voluntarias da asociación. Todo a prol do coñecemento do entorno e en base a percorrer ano tras ano itinerarios deseñados con agarimo para pasar por eses lugares de tanto interese ambiental, paisaxístico e cultural que, aínda cerca, descoñecemos o significado.
A última das andainas, con máis de 30 persoas inscritas evolucionou dende unha mañá de brétema que apenas deixou desfrutar da paisaxe agreste da costa larachesa nas primeiras horas. Mais foi agradecido o comezo fresco. Pouco despois, xa en Rebordelos, o ceo volveuse azul e o calmuzo só foi calmado nos últimos quilómetros de fachada marítima.
O itinerario evolucionou tamén dende a historia. O castro de Constenla, en Rebordelos, cuns 2.000 anos de antigüidade foi o punto máis antigo en ser visitado. O máis novo correspondeu á historia recente, coa Feira do Rapadoiro. Entre medias o Pazo de Graxal, a capela dos Milagres, a Igrexa do Perpetuo Socorro ou o antigo mosteiro dos Agostiños de Caión, parte importantísima da antiga vila baleeira.
Cos Camiños de Caión rematou outro periplo máis pola historia e paisaxe da Costa da Morte. Oito itinerarios por unha boa xeira de concellos de tres comarcas diferentes. Un programa de roteiros que non sería posible sen o apoio de persoas e institucións. A entidade agradece ao Concello de Carballo, ao Concello da Laracha, ao Concello de Coristanco, ao Concello de Malpica de Bergantiños e ao Concello de Zas que, con Protección Civil de Carballo e todo o voluntariado de Senda Nova, fan posible estes proxectos ano a ano.
