A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez, presidiu unha nova xuntanza da Mesa sectorial de Sanidade, na que o Sergas e as organizacións sindicais achegaron as súas posturas sobre a proposta de acordo de intencións no marco negociador do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria.
Na xuntanza, na que participaron os representantes das organizacións sindicais: CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UXT; e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López; as partes avanzaron no cronograma sobre as medidas definidas neste Plan, e entre as que se inclúen: os incentivos para as categorías de difícil cobertura, a contratación estable durante 3 anos para o persoal especialista que remate a súa formación en Medicina Familiar ou Pediatría; ou as medidas de mellora nas axendas de accesibilidade de pacientes para o persoal médico de familia. Ante o novo documento e a proximidade das posturas, fixouse una nova reunión para o vindeiro 31 de marzo.
Durante a reunión, e en execución do I Plan de igualdade do Sergas, tamén se presentou un conxunto de medidas en materia de protección da maternidade e da paternidade, así como doutras situacións de vulnerabilidade destinadas ao persoal do Servizo Galego de Saúde.