Servidas máis de 4.000 racións nas Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión

2 minutes read

As Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión pecharon na tarde deste domingo a súa terceira edición con cifras récord, chegando mesmo a superar as expectativas da organización: máis de 4.000 racións despachadas.
Desde a confraría queren agradecer profundamente a todos os visitantes por achegarse durante toda a fin de semana a gozar dos produtos da súa lonxa. Tal e como explicaron: «estas xornadas fanse para poñer en valor o traballo da xente do mar. O gran esforzo que fan a diario os mariñeiros para traer un produto tan fresco e de tanta calidade». Con todo, o maior agradecemento desde a organización diríxese cara aos propios compañeiros da confraría que, tal e como quixeron destacar, «estiveron a traballar como jabatos para que todo saíse perfecto durante a festa».


Na carpa todos os asistentes estiveron de acordo en recoñecer a boa organización do evento e a calidade de todas as propostas gastronómicas, tanto a nivel de produto como de elaboración. De entre a variedade proposta, o polbo á feira volveu ser o gañador absoluto en número de racións, aínda que outras elaboracións como as croquetas de polbo esgotáronse tanto na xornada do sábado pola noite como na do domingo. A novidade desta edición, a empanada de millo de sardiña, tamén cultivou gran éxito entre os asistentes.


O mesmo éxito tiveron as actividades complementarias propostas pola confraría ao longo da fin de semana. Ante a alta demanda de actividades como os showcookings, a organización optou por ampliar as prazas previstas inicialmente, de 30 a 40 por showcooking. Aínda así, a lonxa completou o seu aforo durante as tres mostras de cociña, a cargo dos cociñeiros Diego Novas, Miguel Mosteiro e Michael Pacheco.


O traballo da confraría tamén se puxo en valor a través dunha charla, na que diferentes profesionais vinculados á mesma abordaron a importancia que o polbo ten na historia desta organización, compartindo detalles do seu proceso de pesca e comercialización.


Os máis pequenos tamén tiveron actividades á súa medida. Durante a fin de semana ofrecéronse dous talleres infantís de ciencia mariña, nos que os pequenos participantes puideron realizar a disección de diversos cefalópodos e descubrir a inmensa variedade de especies que habitan os nosos mares.