Sés presenta na Coruña o seu disco Liberar as arterias

Sés

María Xosé Silvar, Sés, regresa aos escenarios da Coruña para presentar o seu último traballo, Liberar as arterias. O domingo 11 de outubro, a partir das 20.30 horas, dará a coñecer ante o público coruñés o seu sétimo álbum de estudio, un disco cru e directo no que a cantareira advirte da carraxe e do rancor e chama a enfrontar a realidade e a inxustiza con valentía e desde o empoderamento. Sempre desde abaixo cara á cima, sempre desde o activismo cotiá.

Liberar as arterias, publicado antes do confinamento da primavera, é un traballo coidado, sen interferencias, no que Sés non se separa da súa voz, porque ela é a súa voz: cantareira, compositora e produtora -nesta ocasión artística e executiva-, Maria Xosé Silvar instálase na idea de resistencia e de orgullo de seu. Guitarras, palmas e percusións acompañan e conviven coa voz, carisma, discurso, composicións e arranxos dunha artista que segue a evolucionar en cada un dos seus traballos.