- O programa inclúe cinco concertos na Praza do Concello, dous espectáculos infantís na praia de Razo, teatro no Bosque do Añón e nove películas.
Este martes tivo lugar a presentación do programa completo nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Chano Calvo, que un ano máis colabora con esta iniciativa. O Verán Cultural 2023 arrincará o venres 7 de xullo co concerto de Sés, que coincidirá ademais coa Praza dos Libros. Tamén serán artistas referentes Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas, Antía Muíño, Berto, o Mago Antón, Galeatro e Paco Nogueiras.

“Ofrecemos unha programación diversa, para todos os públicos e con carácter gratuíto”, apuntou o concelleiro de Cultura, quen ademais destacou a diversidade de espazos nos que se desenvolverán as distintas propostas. Ademais da Praza do Concello haberá actividades na praia de Razo, no Bosque do Añón e nos distintos barrios e parroquias polos que pasarán as Noites de Cine.
Chano Calvo cualificou como “moi bo” o programa cultural do Concello de Carballo para o verán e expresou “o máximo apoio” da Fundación Luís Calvo Sanz, que comprometeu xa para o ano que vén.
O alcalde, pola súa banda, puxo á Fundación Luís Calvo como exemplo de colaboración coa cultura, que neste ano vaise concretar no concerto de Xavier Díaz e as Adufeiras de Salitre. “Esperemos que o verán siga sendo un lugar de encontro para moita xente que nos visita que a xente veña a Carballo a desfrutar dos espectáculos. Agora que estamos nas portas das festas, esa expresión de que parece o San Xoán se manteña durante todo o verán, e que todos os días sexan días de festa”.

