Sesión extraordinaria de organización do pleno no concello de Carballo

2 minutes read

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e as súas compañeiras de goberno Belén Lendoiro e Milagros Lantes, primeira e segunda tenentes de alcalde, respectivamente, presentaron este mércores a proposta que defenderá o goberno do BNG na sesión extraordinaria de pleno que se celebra este xoves, día 20, co obxectivo de establecer a organización da corporación municipal para os vindeiros catro anos.

As novas corporacións dispoñen dun mes de prazo desde a súa constitución para celebrar o pleno de organización, e Carballo será un dos primeiros concellos en facelo “para non interferir nas festas e para poñer en marcha todo o antes posible”, explicou Evencio Ferrero.

Entre os asuntos e as propostas dos que se dará conta atópanse os sequintes:

  1. Constitución dos grupos políticos municipais, que quedaron distribuídos da seguinte forma: BNG, 12 concelleiros/as; PP, 4; PSOE, 3, e TeGa, 2.
  2. Perioricidade das sesións ordinarias do pleno. Os plenos celebraranse o último luns de cada mes agás o de agosto, no que se trasladará ao primeiro luns de setembro.
  3. Comisións informativas permanentes e outros órganos colexiados de estudo e proposta. Haberá tres comisións informativas: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Planificación Urbana e Mobilidade, e Benestar e Participación Social. Cada unha delas contará con 6 representantes do BNG, 2 do PP, 2 do PSOE e 1 de TeGa, “intentando aproximarnos o máximo posible ao criterio de proporcionalidade que establece a lei”, explicou Evencio Ferrero. Tamén funcionará como órgano consultivo unha Comisión Especial de Seguridade, presidida polo alcalde, que contará cun representante de cada partido. Así mesmo, crearase a Xunta de Portavoces.
  4. Representantes da Corporación en órganos colexiados. Son un total de 25, incluíndo os consellos escolares, o Fondo Galego de Cooperación ou o Eixo Atlántico.
  5. Réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación: por asistencia a plenos, 100€ (50€ máis para os/as voceiros/as); por asistencia á Xunta de Goberno Local, 100€; por asistencia a comisión informativas, 90€ (60€ máis para as presidentas). Estas indemnizacións só as percibirán os membros da corporación sen dedicación exclusiva, é dicir, “todos os da oposición e os do goberno que non teñen dedicación”, aclarou o alcalde.