O Parlamento de Galicia celebrou este domingo unha sesión solemne con motivo do corenta aniversario da súa sesión constitutiva enmarcada na programación impulsada pola Cámara para lembrar os 40 anos da Autonomía Galega, actividades que comezaron o pasado mes de abril, no aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, e que continuaron durante todo o ano con diferentes actividades.
Antes de comezar a sesión, descubriuse unha placa no vestíbulo principal do Pazo do Hórreo na que pode lerse «De hoxe noutros corenta anos», un modo de reivindicar o «papel nuclear» que ata este momento tivo a institución no desenvolvemento democrático da comunidade.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, foi o encargado de abrir a quenda de intervencións, que estivo aderezado coa música de Xabier Díaz, a Real Filharmonía de Galicia e o Grupo Cantigas e Agarimos, entre outros.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Parlamento de Galicia como unha caixa de resonancia, lugar de encontro ou canle para que as discrepancias discorran dunha maneira racional que permite avanzar no deber de escoitar, pero tamén como ese espello no que o pobo galego se recoñece.
A líder do BNG, Ana Pontón e o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, dedicaron unhas palabras a quen logrou sacar adiante o Estatuto de 1.936, así como tamén o de 1.981, aínda vixente, e que deu paso á actual institución, para a que ambos urxen unha necesaria reforma.