Sete concellos da comarca de Santiago mellorarán as súas instalacións culturais

Imaxe dun auditorio_PIXABAY

Estas melloras encádrase dentro das axudas destinadas pola Xunta ao equipamento das instalacións e locais dos concellos dirixidos a actividades de carácter cultural, por importe de 500.000 euros para toda Galicia da que se beneficiaron 40 concellos. No caso concreto da comarca de Santiago, o Goberno galego investirá case 70.000 euros en equipamentos culturais dos concellos de O Pino, Ordes, Padrón, Santa Comba, Teo, Touro e Val do Dubra. Na provincia beneficiáronse desta orde de axudas 13 concellos cun investimento total de máis de 149.000 euros. Os concellos beneficiarios teñen que ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas e contar cunha programación cultural estable ao longo do ano. A axuda máxima por entidade local beneficiaria é de 30.000 euros e non pode exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascende a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos. Foron obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais.