Sete dotacións de bombeiros tardaron sete horas en controlar o incendio da nave de Santa Comba

1 minutes read

Ás nove da noite, o incendio na nave industrial de aceites usados da empresa Ingaroil quedou controlado, pero non sufocado malia o arduo traballo de sete dotacións de bombeiros. Aos de Santa Comba, avisados por varios veciños sobre as 11:45, axiña se sumaron os de Cee e Carballo, xunto a Protección Civil e GES doutros lugares. Sete horas tardaron os bombeiros en lograr controlar as lapas que desfixeron por completo a nave que, de feito, se derrubou por completo.

Dous traballadores da empresa quedaron feridos, un leve e o outro que necesitou ser trasladado ao Hospital Clínico de Santiago. As lapas finalmente afectaron o almacén de produtos agrícolas lindeiro, con materiais altamente explosivos como os nitratos que se retiraron no primeiro momento ca axuda de traballadores e veciñanza. O resto de material baleirouse ao longo da tarde.

A orixe do lume coñecerase tras a investigación que hai aberta, tal e como apuntou o coordinador do Consorcio Contraincendios da Coruña, desprazado no lugar.