Este encontro e froito dunha intensa rede de traballo cooperativo entre o profesorado, o CFR da Coruña, o vibrante tecido asociativo da comarca e a participación dos concellos. Na Final da Regueifa participaron os IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas, IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Tras o veredicto do xurado formado por:
- Julia Ures Villar, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ponteceso.
- Carme Pereiro, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.
- Fátima Souto Muñiz, profesora de Lingua Galega e Literatura no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.
Determinaron que o primeiro premio fose para o IES Parga Pondal de Carballo (premiado cunha gran rosca de pan de ovo e un suadoiro para cada un dos regueifeiros) e o segundo premio foi para o IES Alfredo Brañas de Carballo (premiado cunha rosca mediana de pan de ovo e unha camiseta para cada un dos regueifeiros).
Destacar que houbo 380 rapaces entre os centros antes mencionados e o IES Monte Neme de Carballo e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Ademais de desfrutar do encontro, na parte de foliada estiveron bailando practicamente todos os rapaces. Polo tanto o resultado final foi que o alumnado o desfrutou moito e rematamos cun fermoso sabor de boca que xa nos convida a que o ano que vén haxa unha terceira edición do encontro bergantiñán.
Foi unha xornada fantástica arredor da regueifa, da música e da tradición galega, unha festa fermosa na que bailaron, tocaron, cantaron, riron e fixeron unha foliada como é debido; pero, sobre todo, foi un encontro cheo de alegría, compañeirismo e ganas de desfrutar xuntos dunha xornada moi especial.
Parabéns aos gañadores polo seu talento, pola súa creatividade e pola forza coa que defenderon a regueifa. Parabéns tamén a todos os demais participantes, que fixeron desta final un encontro vivo, emocionante e cheo de enerxía.