Sete persoas evacuadas tras producirse unha colisión frontal en Arzúa


Pasaban uns minutos das sete da mañá deste sábado cando o 112 Galicia recibiu información sobre un sinistro con posibles atrapados na N-547, na Castañeda, en Arzúa. Con esta información, os xestores pediron a colaboración dos efectivos do Parque Comarcal de Bombeiros, como tamén dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico. Dúas das sete persoas feridas neste accidente necesitaron, ademais, a axuda dos bombeiros para poder abandonar un dos vehículos implicados.

Igualmente, os danos ocasionados polo impacto deixaron na vía numerosos restos. Por iso, desde o 112 Galicia, avisouse aos equipos de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Desde o mesmo lugar do accidente, os Bombeiros de Arzúa comunicaron que había bastantes persoas implicadas, das cales dúas necesitaban da súa axuda para poder saír dun dos coches. Tratábase de dous pasaxeiros dos asentos traseiros, que quedaron liberados unha vez que os efectivos de rescate extraeron a porta de atrás.

Pola súa parte, os profesionais sanitarios ocupáronse da asistencia dos feridos, sete en total, polo que deberon mobilizar máis medios dos previstos inicialmente. Con todo, ningún presentaba lesións de importancia.