SEA e Concello promocionan o polígono industrial de Vimianzo

2 minutes read

A xerente da Sociedade Estatal “Suelo Empresarial del Atlántico, SEA”, Beatriz Sestayo, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, mantiveron reunións con representantes de distintas empresas, para promocionar o parque empresarial e dar a coñecer as distintas posibilidades que existen para iniciar a actividade no polígono, entre as que destaca o sistema de Dereito de Superficie.

No Concello de Vimianzo, acompañadas de técnicos de “SEA”, informaron das óptimas condicións do parque empresarial para a instalación de compañías de distintos sectores.

Neste sentido, lembraron as últimas medidas impulsadas desde “SEA”, como a oferta de ata 40.000 metros cadrados en Dereito de Superficie, un sistema que permite a instalación no polígono sen necesidade de comprar as parcelas de forma inmediata, a modo de alugueiro con opción a compra.

Así, as cantidades que terían que abonar as empresas oscilan ao redor de tan só 1.000 euros anuais. Ademais, para que esta opción resulte máis atractiva, seleccionáronse as parcelas con maior visibilidade, as que se sitúan no acceso ao parque empresarial, e que están habilitadas tanto para uso industrial como mixto e terciario.
En paralelo, tamén se informou da rebaixa no prezo da parcela nesta modalidade, ao reducir o canon e igualalo ao prezo de venda. Como exemplo, unha parcela de 1.000 metros cadrados ten un custo en Dereito de Superficie de 1.022 euros o primeiro e o segundo ano (85 euros ao mes) e só 1.700 o terceiro ano.
Ademais, tras a modificación impulsada este ano, estas parcelas pódense reservar tanto para Dereito de Superficie como para venda, para evitar así que se poidan reducir as opcións e, ao mesmo tempo, permitir que as empresas interesadas poidan optar por ambas as modalidades.
Tras as xestións realizadas nestes primeiros meses do ano, a xerente de “SEA”, Beatriz Sestayo, mostrou a súa confianza en poder anunciar proximamente a instalación de novas compañías no parque industrial, no que xa se sitúan empresas como Estrella Galicia ou Gerca.
O polígono conta cunha superficie bruta de 335.095 metros cadrados e neta de 169.236.