Shengelia lidera a Basconia no seu triunfo en Santiago

2 minutes read

Impúxose Baskonia a Monbus Obradoiro por 79 a 92 no Muiltiusos Fontes do Sar, o pasado domingo 10 de novembro. Outra derrota e van 6, esta vez ante o terceiro equipo de Euroliga que pasa por Santiago, tras catro partidos como local.

Da man dun portentoso Shengelia, MVP da oitava xornada da liga Endesa con 29 puntos, 7 rebotes e 2 asistencias para asinar 32 de valoración, vencía o equipo vitoriano. Amo e señor do partido, o xeorxiano permitíase mesmo o luxo de anotar un triplo desde a súa casa, ao límite da bucina para finalizar o primeiro cuarto, 17-22.

A derrota do cadro galego fraguouse na defensa, a cal non está á altura de intensidade que esixe a ACB, máxime cando te enfrontas a un transatlántico de Euroliga. Traducido no xogo significou 35 rebotes visitantes por 25 locais. Deles 13 ofensivos para os vitorianos, se lle engadimos contraataques letais e un contra un mortíferos teñen como resultado a ampla derrota na casa.

Significativo resulta o dato da batalla das asistencias, onde gañou claramente Obradoiro con 26 fronte a 11, e, a pesar diso caer por 13 puntos. Deixando ben ás claras como os puntos, que Moncho Fernández chama “case gratis”: perdidas de balón absurdas, rebotes que dan unha segunda opción, etc, que Baskonia soubo penalizar moi ben, lastraron as posibilidades de vitoria dos composteláns.

Polo bando local destacaron, Kravic, como sempre, con 25 de valoración, Muñoz, cunha capacidade de sacrificio encomiable, ademais de boa porcentaxe anotadora e Pepe Pozas, con intervencións de enorme mérito, embazado por algún erro absurdo. Pola contra, Magee, a quen xa prestan especial atención todos os equipos, poñéndolle defensas extenuantes, como onte Manning, estivo desaparecido.

A nota positiva poñíaa o debut de Font, quen demostrou o enorme potencial que atesoura, cun par de asistencias de enorme calidade, especialmente unha, que marabillou á bancada local.

Terminaba o ecuador do partido con 36-43 para os de Perasovic. Saía o Obradoiro disposto a vender cara a súa derrota no terceiro cuarto, chegando a poñerse 48-49 e acendendo as alarmas vitorianas. Foi xusto nese instante cando Baskonia elevou a súa intensidade defensiva, contando ademais coa inestimable que non definitiva, axuda arbitral, que sempre ve as accións de distinta maneira cando dun equipo grande trátase. Unha falta anti deportiva das de facerllo mirar, xunto cunha técnica dudosísima sumábanse ao carrusel de decisións con diferente criterio segundo sexan nun lado ou outro do parqué, complicando a pelexa santiaguesa por aferrarse ao encontro.

Parcial de 0 a 11 cun excepcional Garino puxeron o luminoso 48-60 no minuto 27. Vía libre para o cadro vasco e un último cuarto, que tamén llo levaban os visitantes por 20-21, vencéndoos todos. Final do partido, 79-92 e o Obra que continúa pechando a táboa clasificatoria. 2 vitorias e 6 derrotas, igual que Betis e Manresa, precisamente próximo equipo a quen Obradoiro renderá visita. Agardemos regrese coa terceira vitoria no peto de terras catalás.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO