Simulacro de incendio forestal de nivel 2 no monte da Picaraña como preparación ante posibles emerxencias

O simulacro comezou na mañá deste mércores, e simulouse un lume que asolou o monte de A Picaraña, nas parroquias de Ponteareas e Arcos. E no que poría en perigo varias vivendas dos lugares de Canedo, O Areal e A Serra.

Inicialmente, activouse o PEIFOGA en situación 0, pasando posteriormente a situación 2, en torno ás 10:20h, activándose o PLADIGA e procedéndose a mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

No simulacro participou unha cisterna de 25.000 litros da AXEGA, 7 motobombas, 4 Pick-Ups e unha ambulancia; 4 axentes forestais, 3 brigadas contraicendios, Servizo de Protección Civil da Subdelegación do goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica (UPA), Policía local de Ponteareas, Parque Municipal de Bombeiros de Ponteareas, Consorcio provincial de bombeiros, Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, AVPC de Ponteareas, Porriño, Oitaven-Tea e Salceda de Caselas, AXEGA, 061, 112, 085 e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) establecéronse nunha explanada municipal en Ponteareas, á altura da Rúa Real, nº 89, a beira da N-120, P.K. 643,900. Durante o simulacro, realizáronse exercicios de activación do posto de mando avanzado, control de tráfico dos accesos, exercicios de extinción de incendios e protección de vivendas, e adestramento dos medios de comunicación.

A intervención fíxose na zona forestal e nas vivendas próximas o lume nos núcleos de Canedo, O Areal e A Serra. Durante a mesma tamén participaron os medios sanitarios, simulando evacuar a un ferido en tarefas de extinción.

As 12:40 horas a situación do simulacro deuse por perfectamente controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa conseguinte finalización do exercicio.