Simulacro de incendio forestal en Mugardos para ensaiar o sistema operativo de emerxencias

1 minutes read

O simulacro baseouse nun suposto lume no monte da Gallada de Piñeiro, no lugar de Lodairo, que podería poñer en perigo un núcleo de vivendas, e unha capela en horario de misa.

Inicialmente, activouse o Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga), en situación 0, e posteriormente dada a evolución do lume pasouse a situación 1 e a situación 2, activándose o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021)coa mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

A activación foi decretada polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, director do plan, participando no Comité Asesor o alcalde de Mugardos, a xefa territorial da Vicepresidencia Primeira, o xefe territorial de Medio Rural da Coruña e un representante da Delegación de Goberno.

No simulacro interviron axentes forestais, brigadas contraincendios, motobombas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Spdcif), bombeiros de Ferrol e das Pontes, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Mugardos, Ares, Fene, Cabanas, Neda e Ferrol, Policía Local de Mugardos e Ares, Garda Civil, Policía Autonómica, 061, persoal da Delegación do Goberno e persoal e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axega, cuxo director, Santiago Villanueva, supervisou in situ todo o operativo.