O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e coa colaboración da Concellería de Mobilidade, presentou unha sinalética que ten como finalidade distinguir os locais que nas súas terrazas aplican medidas para previr contaxios pola COVID-19 e ofrecerlle seguridade á clientela. Esta iniciativa, proposta polo sector hostaleiro, servirá para facilitarlles aos establecementos a distribución dos espazos nas súas terrazas.
No acto estiveron presentes a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, os concelleiros de Turismo e Mobilidade, Juan Ignacio Borrego e Juan Díaz Villoslada, e o representante da hostalería da Mariña, Antón Sáez, quen sinalou que para o sector era moi importante que «toda a sinalética levase a marca do concello».
Con esta iniciativa, o concello pretende axudar a reducir os riscos que implica a aglomeración de xente nos locais de hostalería e os seus arredores. Os vinilos indican a localización da clientela para acceder ao local e a colocación das mesas.