Sinalizan no Barbanza novos recursos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago


O Faro de Corrubedo foi o lugar escollido para a presentación oficial da sinalización e posta en valor dun novo recurso turístico na comarca do Barbanza, o camiño a pé que transcorre paralelo ao itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Na contorna deste faro sitúase un dos seis novos paneis informativos que se presentaron nun acto no que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Manuel Ruiz, a xerente desta entidade, Fátima Cachafeiro e os representantes da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar “A Orixe”, Manuel Mariño e Manuel Antonio Villar.

O traballo de recuperación deste percorrido terrestre consistiu na instalación de 6 paneis informativos en lugares estratéxicos do camiño que pode facerse a pé seguindo o itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que representa a “traslatio”, a chegada dos restos do Apóstolo a Galicia por mar, e que percorre Barbanza Arousa a través dos 4 portos xacobeos: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

O itinerario continúa posteriormente polo interior da provincia a través do concello de Dodro cara á Santiago de Compostela, polo que este municipio tamén participou no proxecto aínda que non está inxerido da Mancomunidade, ata enlazar co Camiño Portugués en Padrón. O custo total do proxecto foi de 35.000 euros dos que o 65% foron investidos por Turismo de Galicia.