Sintonía entre Cultura e o Concello de Vimianzo para un Asalto de Interese Turístico


A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, foi recibida este mércores polo conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez no seu despacho en Santiago. Acompañaba á rexedora o presidente do Clúster do Turismo, Cesáreo Pardal.

O principal motivo da visita foi o de dar un impulso á iniciativa do Goberno de Mónica Rodríguez á solicitude da distinción do Asalto ao Castelo como Festa de Interese Turístico de Galicia, que foi rexistrada no mes de xullo.

O titular de Cultura e Turismo do Goberno galego amosouse moi interesado pola iniciativa e por coñecer a documentación que acompaña esta petición do Concello para unha parte importante do patrimonio inmaterial de Vimianzo e de Galicia, que congrega a milleiros de persoas en torno ao Castelo todos os veráns.

A presenza de Cesáreo Pardal reforzaba a proposta do Concello co apoio do Clúster á declaración do Asalto como Festa de Interese Turístico.

Tras a reunión, Mónica Rodríguez afirmou saír “con boas sensacións da xuntanza co conselleiro de Cultura e Turismo, a quen notei moi interesado polo proxecto que lle presentábamos, e creo que é consciente do valor patrimonial e turístico do Asalto así como do acaído que resulta a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia”.