Sito Miñanco pide saír de prisión, alega que “España enteira é un cárcere”


O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, que permanece en prisión preventiva despois de que fora detido por orde da Audiencia Nacional en febreiro de 2018, pediu ser excarcerado. O motivo é que, ante a pandemia de coronavirus, considera que pertence a varios grupos de risco.

Cre que nin o xulgado nin as institucións penais poden garantir “o seu dereito á vida e integridade física”. Ademais, fontes da defensa apuntan que tampouco se garante que teña acceso a un tratamento médico en caso de enfermar por COVID-19, e engaden que faltan medios de protección adecuados tanto no interior da prisión como fóra dela.

Miñanco asegura que en caso de ser excarcerado durante este período de confinamento, ten un domicilio familiar onde residir. Suma a isto que hoxe en día España enteira “é unha prisión domiciliaria para os seus habitantes”, polo que non ve problema en pasar o período que dure o estado de alarma na súa casa.

Coa petición de excarceración, Miñanco súmase á lista doutros presos coñecidos pola opinión pública que pediron saír en liberdade pola COVID-19, como o comisario xubilado e en prisión preventiva José Manuel Villarejo, o ex-tesoureiro do PP Luis Bárcenas ou o ex-viceconselleiro da Comunidade de Madrid Alberto López Viejo.