Situación caótica en estradas e rúas pola acumulación de xeo


Impotencia entre os usuarios das vías de comunicación da Costa da Morte tras atoparse á primeira hora da mañá deste xoves cun panorama climatolóxico máis que complicado por culpa do xeo acumulado tanto nas estradas como en rúas e mesmo beirarrúas. O xeo provocou numerosas incidencias, máis agudas se cabe tras a choiva caída pouco antes das sete da mañá. Viuse seriamente afectado tanto o tráfico rodado como o peonil. Protección Civil de Carballo aplicouse duramente ao traballo desde primeira hora botando sal nos puntos máis conflitivos, coa axuda da Brigada de Obras, pero non foi suficiente.

Accidente en Vivente, Ardaña, Carballo, onde un turismo derrubou un poste da iluminación e caeu por un desnivel a unha leira.

Contabilizáronse un total de 32 accidentes de tráfico, só en Carballo, os máis graves tiveron lugar en Vivente – Ardaña na DP-1914, un turismo derrubou un poste da iluminación que caeu sobre outro coche. Na AC-413 á altura da Feira de Berdillo houbo varios sinistros entre vehículos. Camións parados e numerosas saídas de vía tamén na AG-55 e na AC-552. A AG-55 foi cortada á altura de Agualada polo accidente de tres camións, o tráfico foi desviado pola AC-552, que tampouco estaba en moi boas condicións. En Carballo complicouse a situación na zona do Forum, en Goiáns, na Milagrosa e na Avenida Abetos, esta última rúa comunica Bértoa coa estrada de Razo e tras varios accidentes foi cortada en ambos os sentidos.

Garda Civil de Tráfico atendendo un dos moitos sinistros.

Numerosos peóns atendidos en Carballo por caídas graves no xeo

Varios peóns necesitaron axuda de evacuación e asistencia sanitaria no centro urbano de Carballo, as rúas e beirarrúas convertéronse nun pesadelo esvaradío. Houbo feridos de diferente consideración, golpes nas costas, golpes na cabeza e mesmo cava de extremidades foron as lesións máis frecuentes e graves. Rúas céntricas como Doutor Fleming, Desiderio Varela, Ourense, Mirtos ou Pontevedra, estiveron intransitables e aí producíronse as lesións máis graves segundo informou Emerxencias.

Persoa tirada na rúa Dr. Fleming en Carballo, á espera dos servizos médicos.
Os ingresos de peóns feridos foron constantes durante toda a mañá no PAC de Carballo.

Os servizos de emerxencias víronse desbordados

Aínda que se estaba en aviso previo sobre a posible incidencia da baixada contundente das temperaturas e a formación de placas de xeo, a realidade superou de novo ás previsións. A maioría das estradas estaban sen sal e cando se quixo botar man do mineral as incidencias empezáronse a multiplicar por decenas e chegou o caos. Houbo xente atrapada durante horas en estradas como a AC-413. As ambulancias non daban abasto no traslado dos feridos e Protección Civil era requirida en varios puntos ao mesmo tempo. Ao centro médico de Carballo chegaban feridos trasladados por diferentes medios, en ambulancias, en coches particulares e mesmo en coches da Policía Local.

Accidente en Sofán, Carballo.
As saídas de vía foron numerosas nas intransitables vías da Costa da Morte. Na imaxe, accidente en Camariñas. AVPC Camariñas.