China fai fronte a unha «situación grave» polo novo coronavirus, advertiu o presidente chinés Xi Jinping. Polo menos 41 persoas mortas e 1.300 enfermas, a maioría en Wuhan, a zona cero da epidemia, pechada baixo sete chaves.
A corentena imposta polas autoridades é férrea e ninguén pode saír. Dentro da zona prohibida o persoal sanitario tenta frear a propagación do virus nuns hospitais desbordados, mentres se constrúen dous novos centros sanitarios a toda velocidade.
Os cidadáns compran mascarillas e desinfectantes nos escasos supermercados que seguen abertos. «Adoptamos medidas preventivas, protéxome a min mesmo, todo o mundo toma as súas propias precaucións para protexerse», comenta un cidadán. Desde o luns, as axencias de viaxe chinesas non poderán vender reservas de hotel, nin estancias a grupos.
Tamén en Hong- Kong as autoridades decretaron a alerta máxima tras confirmarse un quinto caso. Suspendeuse o maratón e as escolas permanecerán pechadas ata novo aviso. «Nos últimos días, como saben a enfermidade propagouse moi rapidamente, a teor das informacións do continente.
É serio, preocupa moito e xera moita ansiedade entre unha parte dos nosos cidadáns», explica a xefa do Goberno de Hong Kong, Carrie Lam. O Exército chinés enviou a Wuhan un continxente de reforzo formado por 450 médicos e persoal militar a bordo de tres avións.