Aínda que a identificación dos cans mediante microchip é obrigatoria por lei dende o ano 2003, só o 16% dos animais que son acollidos na Canceira Municipal de Carballo contan con el. Coincidindo coa celebración o 17 de agosto co Día Internacional do Animal sen Fogar, dende o Concello de Carballo fan un chamamento á responsabilidade das persoas propietarias de mascotas e insistir nesta mensaxe: A amizade non se compra. Adopta.
A Canceira Municipal de Carballo está situada no polígono industrial de Bértoa, xunto ao punto limpo. Está xestionada pola UTE Urbaser-Servigal. O contrato asinouse no ano 2012 e ten unha vixencia de 16 anos, con posibilidade de 2 máis de prórroga. Nestes primeiros dez anos de concesión (ata finais do 2021) foron acollidos 835 cans e 61 gatos da vía pública, é dicir, 896 animais, dos que foron adoptados 258 (30,89%) e outros 220 (26,34%) foron reclamados polos seus propietarios. Só 134 tiñan chip.
Como o espazo non dá para máis, os cans son enviados ao Hotel do Can, unha instalación privada na que hai uns 20 cans máis recollidos polo servizo de lacería do Concello de Carballo. O mantemento deses animais aloxados en instalacións externas supón un gasto anual próximo aos 40.000 euros.
Moitos son os concellos galegos que reclaman a implicación da Xunta de Galicia no sostemento deste tipo de centros, xa que a lei non establece ningunha contraprestación nin apoio ás arcas municipais.
Neste sentido, a Fegamp adoptou o seguinte acordo: “Pedir á Xunta que se resolva en coordinación cos concellos e Deputacións a problemática actual dos animais abandonados mediante a construción das canceiras necesarias en cada unha dás 4 provincias mediante vías de cofinanciamento polo elevado aumento do custo do servizo para vos concellos”.