Só un 5% da poboación española ten anticorpos

Reunión cos membros do Comité Científico-Técnico COVID-19_Pool Moncloa /J.M. Cuadrado

  • A cifra, ao ser baixa, descarta a curto prazo a inmunidade de grupo

Ao redor do 5,2% da poboación española presenta anticorpos fronte á COVID-19, segundo as conclusións do Estudo Nacional de sero-epidemioloxía da infección por SARS-Cov-2 en España, que presentaron este luns os ministros de Sanidade, Salvador Illa, e de Ciencia e Innovación, Pedro Duque.

Estes resultados, correspondentes á terceira onda do estudo (con mostras realizadas entre o 8 e o 22 de xuño) demostran que a cifra de persoas que superaron a enfermidade é baixa, polo que se descarta a curto prazo a inmunidade de grupo.

Do mesmo xeito que nas roldas anteriores, segue destacando o contraste das provincias con maior incidencia, que se sitúan no centro peninsular, na órbita de Madrid: Soria (14,4%), Segovia (12,4%), a propia Madrid (11,7%), Cuenca (11,4%), Albacete (10,8%), Guadalaxara (9,8%), Salamanca (9,5%) e Ciudad Real (9,1%); coas provincias ou cidades autónomas que rexistran unha menor prevalencia: Ceuta (0,7%), Huelva (1,2%), Baleares (1,4%), Tarragona (1,5%), Lugo (1,5%), A Coruña (1,6%) e Murcia (1,6%).

Non se observan diferenzas entre homes e mulleres e, en canto á idade, a prevalencia de anticorpos IgG anti SARS-CoV-2 é lixeiramente menor en nenos e adolescentes (ao redor do 3,5%), con escasas variacións en adultos.

O estudo incluíu 68.296 participantes de todas as provincias e idades, dos cales 54.858 participaron nas tres roldas, o que representa unha adherencia de case o 90%. En total realizáronse 186.908 test rápidos (máis 9.755 no estudo específico insular) e recolléronse 165.176 mostras de sangue (máis 9.130 adicionais no estudo específico insular).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha